Tlf. 988 46 58 83    |    Fax 988 46 58 63   |   concello@vilardesantos.com
Urbanismo e Vivenda » A Experiencia

Urbanismo: A experiencia acumulada


Desde o Concello de Vilar de Santos temos optado dunha maneira clara polo aproveitamento e posta en valor dos nosos recursos e das capacidades locais para dotarnos de infraestruturas, servizos e equipamentos públicos de calidade, e apostar pola nosa cultura coa recuperación e valorización do noso patrimonio, e sobre todo pola dinamización social con programas e actividades abertos á participación veciñal e á integración das mulleres na vida social e económica do concello.

Vilar de Santos xa é un referente na busca de novas alternativas que incentiven e faciliten todo tipo de actividades no medio rural, compaxinando a tradición, coa modernización, a diversificación e a innovación.

O Concello de Vilar de Santos foi pioneiro na comarca da Limia na ordenación do seu territorio, cunhas primeiras normas subsidiarias de planeamento (NSP) aprobadas no ano 1994 que posibilitaron a redacción do Plan Parcial de Usos Industriais Terciarios en 1998 que permitiu encetar a oferta de solo industrial e sobre todo a redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal, aprobado definitivamente o 17/12/2001 e do que xurdiron dous Plans de Sectorización, o PS nº1 en data 31/12/2003 e o PS nº2 en data 15/09/2008 que ampliaron notablemente o solo dedicado a actividades comerciais e industriais no polígono de Santa Marta e tamén permitiu elaborar un Plan Especial de Recuperación Etnográfica da Aldea de Saá, aprobado o 5/10/2006, que está permitindo a recuperación e posta en valor deste núcleo.

Este proceso de Ordenación foi básico e permitiunos poñer en marcha o noso modelo de Concello, un modelo de desenvolvemento propio no que os veciños e veciñas son a parte fundamental do engrenaxe.

Somos conscientes de que é un proceso inacabado e a longo prazo, ambicioso pero tamén irreversible. O eixo e a estratexia fundamental ten sido a información pública e a participación veciñal que ten posibilitado que nestes anos nos que se levou a cabo este proceso de planificación e xestión, o contraste das ideas e da participación entre a veciñanza, os políticos e os técnicos foi e segue a ser fundamental e o seu reflexo son o traballo feito e os proxectos de futuro.

Conseguiuse a implicación veciñal, un cambio, unha nova cultura que está permitindo  ver o obxectivo do Concello de promover proxectos de recuperación e rehabilitación do patrimonio construído como unha oportunidade real. Pensamos que os veciños e veciñas de Vilar de Santos fixeron seu o lugar no que viven e queren ser protagonistas da toma de conciencia da necesidade de preservar tanto o patrimonio construído herdado como un medio natural rico e variado, revitalizando os asentamentos e evitar o despoboamento e colaborar co Concello na busca de alternativas.

Baixo estas directrices, o Concello puxo en marcha un Plan sistemático de rehabilitación, que cobra novo impulso a partir do 2005 coa recuperación das “airas” tradicionais, de pequenos espazos libres, de fontes e lavadoiros como novos espazos públicos dotacionais con novos usos e funcionalidades que impediran a súa desaparición.

REVISION DO PXOM

Actualmente o Plan Xeral de Ordenación Municipal está en proceso de revisión para a súa actualización e adaptación ao marco lexislativo vixente, con toda a documentación entregada para o Informe Previo da Consellería de Medio Ambiente,Territorio e Infraestruturas

 

(C) Vilar de Santos - Aviso Legal
Tel 988 465 883 Fax 988 465 863 concello@vilardesantos.com
Programación e Deseño Web:
Ainet Consulting