Tlf. 988 46 58 83    |    Fax 988 46 58 63   |   concello@vilardesantos.com

Vilar de Santos xestionará un orzamento de 782.000 euros para o 2017

03/02/2017 - Novas

O Concello de Vilar de Santos aprobou inicialmente no pleno do 30 de xaneiro o orzamento para o ano 2017 que ascende a 782.000 euros.

Estes orzamentos van permitir continuar e reforzar a aposta do Goberno municipal de Vilar de Santos para garantir uns servizos públicos de calidade e consolidar o aproveitamento e posta en valor dos recursos locais para seguir impulsando o noso modelo de desenvolvemento e benestar.

En cifras, mantemos o gasto de persoal no 42%, 329.450 euros para atender as novas necesidades xurdidas e reforzar a atención dos servizos sociais comunitarios e outros servizos como a Escola Infantil. Os gastos correntes significan o 25%, 201.258 euros, un 6% menos que no ano 2016,  logrados grazas ao control e racionalización do gasto. Reforzamos a inversión produtiva, cun incremento do 7%, destinando a investimentos públicos 236.990 euros, o 30% do orzamento, para consolidar e financiar máis proxectos. Globalmente as actuacións de protección e promoción social, os servizos públicos básicos, educación, cultura e outros programas  representan o 73% do orzamento.

Ademais as taxas e impostos municipais para 2017 permanecerán conxeladas, o mesmo que no 2015 e no 2016; o que implica un maior esforzo económico e de xestión asumido polo concello. Todo isto, sen reducir a eficiencia e calidade dos servizos municipais.

Cuestións relevantes tamén son que a débeda pública do concello é cero, a inexistencia de ningún plan de axuste e de ningunha débeda con provedores.

Son uns orzamentos realistas e equilibrados, que están priorizados para levar a cabo proxectos en varias áreas de actuación:

  1. Aposta polos servizos sociais municipais, públicos e excelentes, como un instrumento básico de integración e cohesión social e mellora da calidade de vida

    - co reforzamento e a ampliación do Servizo de Axuda no Fogar para a atención á dependencia e a ampliación dos diversos programas xa en marcha

    - Melloras no Centro de Atención de Persoas Maiores e dos servizos da Escola Infantil.

    - Mellora dos servizos á mocidade.

     
  2. Dinamización da actividade económica e o emprego. Continuamos consolidando as bases para facer de Vilar de Santos un espazo atractivo para investir e crear emprego.

    - O Concello prepara a venda dun novo lote de parcelas de solo industrial dispoñible que financiarán novas inversións públicas. Introducimos tamén o Arrendamento con opción de compra, e a modificación da Ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre construcións, instalacións e obras – o ICIO, fixando unha bonificación do 80% para aqueles proxectos que sexan declarados de especial interese municipal . Pretendemos axudar ás empresas e proxectos empresariais que necesitan solo industrial para establecerse.

    - Ademais, están previstos diversos programas de xeración de emprego e formación para as persoas desempregadas.

    - Outra medida importante e dinamizadora vai ser o apoio ao emprendemento e á diversificación produtiva, coa posta en marcha do Centro de Iniciativas Empresariais
     
  3. Mellora das infraestruturas e equipamentos públicos:

    - Continuar coas actuacións na Area de Rehabilitación Integral de Vilar de Santos, con novas inversións para seguir ca recuperación da zona.

    - Proxectos de mellora na rede municipal de camiños e accesos

    - Nova fase de mellora nos camiños agrícolas

    - Obras de mellora na rede de abastecemento

    - Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética, con actuacións na iluminación pública

“Estes orzamentos son un reflexo das nosas prioridades e son indicativos da boa xestión levada a cabo no concello, con planificación, sen facer recortes nos servizos públicos esenciais e acometendo os investimentos necesarios para o desenvolvemento do concello, atendendo todos os compromisos para seguir avanzando no benestar social e na mellora da calidade de vida de todos os veciños e veciñas de Vilar de Santos”, di o alcalde Xan Jardón e “neles reflectimos o noso compromiso cunha xestión pública transparente, eficiente e solvente co diñeiro público”.
 



    GDR10 - Limia Arnoia
    (C) Vilar de Santos - Aviso Legal
    Tel 988 465 883 Fax 988 465 863 concello@vilardesantos.com
    Programación e Deseño Web:
    Ainet Consulting