Tlf. 988 46 58 83    |    Fax 988 46 58 63   |   concello@vilardesantos.com

O concello honra o Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia cunha placa no Cemiterio de Parada de Outeiro

28/11/2016 - Novas

O Concello de Vilar de Santos sumouse este ano aos actos do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia. En galego, agora e sempre.
A idea desta celebración coincidente co mes de Defuntos, xorde da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística coa intención de lembrar que, a pesar de que é unha práctica habitual nos camposantos a instalación de lápidas en castelán, a maior parte das persoas que alí xacen eran persoas que falaban galego.

Co ánimo de corrixir tal discordancia e, aínda que tal decisión cínguese ás esferas persoal e familiar, como Concello temos a obriga de conservar, contribuír e transmitir, ás próximas xeracións este patrimonio herdado, que é a nosa lingua e a súa normalización e uso en todos os ámbitos. Con decisión, orgullo e dignidade. Con autoestima. Somos herdeiros e acredores do legado recibido

Foi un día de homenaxe aos nosos devanceiros e á nosa lingua, á nosa memoria cultural e lingüística pero tamén de reivindicación e compromiso, de afirmación como veciños e veciñas de Vilar de Santos dese ser colectivo que levamos dentro que se chama Galicia.

Compromiso como fixo e segue facendo D. Miguel Fernández Grande, crego da Parroquia de Parada e Fillo Adoptivo do Concello polos seus méritos, porque desde o súa chegada á parroquia, o último día de agosto do 1969, D. Miguel entre outras cousas sempre exerceu unha contundente e inequívoca defensa da lingua galega, sen renunciar un só dia á súa utilización nos actos litúrxicos e, por suposto, en calquera das súas actividades  e facetas da súa vida.

Moitos veciños aproveitaron para asinar unha Acta de vontade que recolle e que pretende protexer os seus dereitos linguísticos no momento da morte.

A placa no cemiterio di, “Na memoria de todos os que aquí xacen, porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”


  • Ampliar Foto...
  • Ampliar Foto...
  • Ampliar Foto...

GDR10 - Limia Arnoia
Actividades de Verán
(C) Vilar de Santos - Aviso Legal
Tel 988 465 883 Fax 988 465 863 concello@vilardesantos.com
Programación e Deseño Web:
Ainet Consulting